12:52:03 Luns 20 de maio 2024
Estás en:

O Concello de Vilasantar inicia o seu proceso de transformación dixital

26/04/22

A entidade coruñesa súmase ao proxecto Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña.

Concello Dixital - Deputación da Coruña

A pasada semana tivo lugar na sede do concello coruñés o acto formal de arranque das actuacións, ao que acudiron o alcalde, a secretaria e unha representación de empregados públicos municipais, así como os técnicos do proxecto. Na presentación, o equipo de Concello Dixital amosou aos representantes e empregados municipais a folla de ruta que vai definir a transición do seu concello cara a un modelo de administración dixital na gobernanza local. Este é o obxectivo que persegue o proxecto Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña.

A solución tecnolóxica despregada polo ente supramunicipal para o desenvolvemento deste proxecto utiliza como base a Plataforma de Tramitación de Expedientes Electrónicos TEDeC, que xa utilizan outros concellos coruñeses para a súa xestión diaria. TEDeC dispón dunha versión simplificada, sTEDeC, pensada para entidades de menor tamaño. Así, Vilasantar iniciará a súa fase de implantación sobre sTEDeC.

O seguinte paso materializarase na toma de requisitos para adaptar o proceso de transformación ás necesidades específicas do concello. O obxectivo é definir un plan de execución de actuacións concretas que será presentado para a súa avaliación e aprobación, tras o cal dará comezo a fase de implantación. Neste sentido, darase prioridade aos procesos de prestación de servizos que se identifiquen como os máis utilizados polos cidadáns, así como os procesos de xestión interna susceptibles de automatización.

As entidades locais configuran o nivel de administración máis próximo ao cidadán nun escenario actual de cambio no modelo de prestación duns servizos públicos cada vez máis dixitalizados. Sen obviar o enfoque tecnolóxico, cómpre poñer o foco nas persoas; nun axeitado plan de acompañamento para os empregados públicos no proceso de adaptación do seu desempeño e nunhas políticas de difusión e participación cidadá orientadas á redución da fenda dixital.

O despregamento e implantación dos novos servizos de Concello Dixital permitirá a Vilasantar acadar unha plena administración electrónica na gobernanza local.

Concello Dixital - Inicio transformación Vilasantar
Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal