05:15:07 Luns 20 de maio 2024
Estás en:

A Diputación da Coruña e Concello Dixital lanzan unha nova web sobre transformación dixital e Administración Electrónica para entidades locais

13/05/22

O portal que agora se publica canalizará toda a actividade de difusión, consulta, formación e información xeral sobre a transformación dixital no eido da Administración Local.

Concello Dixital - Deputación da Coruña

O Portal de Comunicación e Difusión da eAdministración de Concello Dixital lanzouse o martes para as entidades locais asociadas ao proxecto global de transformación dixital da Deputación da Coruña. O sitio web, creado con vocación de permanencia, preséntase como un espazo multidisciplinar cunha ampla oferta de contidos. Así, Concello Dixital pon ao dispor de empregados públicos e de entidades información sobre o propio proxecto, publicacións de referencia e interese, material de consulta e noticias actualizadas, así como recursos formativos e divulgativos.

Nunha primeira fase, a web será accesible unicamente para concellos e entidades locais. Posteriormente, o portal lanzarase en aberto para o conxunto da cidadanía. O sitio atópase en concellodixital.dacoruna.gal

A Diputación da Coruña vén apostando desde hai anos pola plena implantación da Administración Electrónica nas entidades locais da provincia, co obxectivo de situalas nun marco de relación coa cidadanía máis próxima, transparente e participativa.

A consolidación de todos estes esforzos materializouse a comezos de ano no proxecto Concello Dixital, a aposta da Deputación coruñesa e as súas entidades locais cara a un novo modelo de gobernanza local que impulse a asignación eficiente dos recursos públicos e a simplificación da tramitación administrativa. Neste senso, as diferentes plataformas tecnolóxicas desenvolvidas no marco do proxecto, como son TEDeC, Portafirmas, Arquivo Dixital ou as Sedes electrónicas municipais, constitúen a base tecnolóxica dun catálogo de servizos con interoperabilidade real entre as administracións.

Pola súa banda, os equipos de Transformación, Implantación, Asesoría Xurídica e Soporte do proxecto realizan a imprescindible e complementaria labor de acompañamento do empregado público na súa transición a este novo escenario. O proxecto contempla plans de formación e soporte e un diálogo continuo co persoal das entidades, procesos dos que resultan propostas de mellora e demandas de novas funcionalidades. Estas achegas á evolución permanente das plataformas tecnolóxicas redundan na mellora global da calidade do traballo do persoal da Administración e a satisfacción da cidadanía.

O obxectivo final é que as entidades da provincia se sitúen nesta nova realidade, coa cidadanía no centro da actividade administrativa, a través de servizos máis interactivos que axilizan os procesos administrativos. Así, impulsaranse actividades de difusión co obxectivo de reducir a fenda dixital e impulsar o uso das sedes electrónicas das entidades locais.

Concello Dixital - Publicación Portal Comunicación
Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal